A Comisión Xestora, tendo en conta os retrasos producidos na tramitación e publicación do censo definitivo e co fin de preservar os obxectivos e o espíritu dos Estatutos Provisionais, interpreta que os prazos de presentación de emendas aos Estatutos Definitivos debe ser considerado dende a publicación de dito censo.
Por outra banda, entende tamén que o espíritu da lei de creación do Colexio é que a publicación da convocatoria da asemblea constituínte nos dous diarios de maior tirada de Galicia (aínda non realizada) debe servir para que as persoas que non tivesen coñecemento da súa celebración poidan inscribirse para acudir á mesma.
Por este motivo, co obxectivo de facilitar a participación no proceso de creación do Colexio, e para que as persoas que forman parte do censo dispoñan dos prazos íntegros establecidos nos Estatutos provisionais para a presentación de emendas, adopta o acordo de:
- Ampliar en vinte días naturais o prazo de presentación de emendas aos estatutos, de forma que serán recollidas todas as emendas recibidas ata o vindeiro 20 de outubro.
- Ampliar o prazo de inscrición no censo ata o día mesmo da asemblea constituínte, nas seguintes condicións:
1. As solicitudes recibidas neste novo prazo deberán incluír obrigatoriamente:
- Fotocopia do DNI.
- Fotocopia compulsada do título, dado que xa non é posible realizar a comprobación do título nas universidades (o propio día da Asamblea poderase compulsar copia do título previa presentación de orixinal e fotocopia do mesmo).
- Formulario correctamente cuberto (Formulario de inscrición (II)).
2. Aquelas persoas cuia solicitude de inscrición e documentación adxunta chegue unha vez rematado o prazo de presentación de emendas aos estatutos, non terán dereito de presentar emendas aos memos.
3. Aquelas persoas cuia solicitude de inscrición e documentación adxunta chegue unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, non terán dereito a formar parte dunha candidatura á xunta de goberno na asemblea constituínte.