A Xunta de Goberno do CPETIG asume a xestión desta web

26 Diciembre 2007

Dende o día de hoxe e ata a posta en funcionamento da web do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (http://cpetig.org), a Xunta de Goberno do CPETIG informará dos seus movementos a traves do blog que podes visitar en: http://blog.cpetig.org/

Así mesmo, comunícase que o correo de contacto do CPETIG é o seguinte:

 email_cpetig.jpg

para calquera tipo de dúbida ou consulta que se queira formular relativa ao Colexio.

 

Traspaso de competencias ao Colexio

19 Diciembre 2007

Constituídos os Colexios, e en paralelo coa tramitación dos expedientes na Xunta de Galicia, a Xunta Directiva de AEIG e as Xuntas de Goberno daqueles comezarán o proceso de reorganización de funcións, transpaso de información e transferencia de competencias. Prevese que o 1 de febreiro se terá rematado todo o proceso.

Posteriormente, tanto AEIG como os Colexios terán que realizar as súas correspondentes Asembleas. En todo caso, salvo aviso en senso contrario, AEIG segue operando como o viña facendo ata o de agora e mantén as funcións e competencias que tiña asignadas. En todo caso, de tratarse de competencias propias dun Colexio establecidas por Lei, actuará como intermediario redirixindo a información e solicitudes recibidas aos Colexios. Entendemos que este proceder facilitará a transición ao mesmo tempo que evitará dúbidas entre os asociados e colexiados sobre a quén dirixirse.

Constituído o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia

18 Diciembre 2007

O pasado venres 14 de decembro tivo lugar a Asemblea Constituínte do CPETIG, na que foi aprobado o texto definitivo dos Estatutos e se nomeou a primeira Xunta de Goberno, que pasa a estar constituíta por:

  • Presidenta: Leticia Diz Bengochea
  • Vicepresidente: Rubén Cid Fernández
  • Secretario: Javier Encisa de Sá
  • Vicesecretario: Federico Pinal Moreira
  • Tesoureiro: Anxos Cabado Lourés
  • Vicetesoureiro: Carlos Vázquez Suárez
  • Vogal: Javier Fernández Martínez
  • Vogal: Óscar Cortés Rodríguez
  • Vogal: Edgar Rodríguez Silva
  • Vogal: Miguel Abad González

No seguinte enlace tedes á vosa disposición o programa de goberno da candidatura que recolle todos os obxectivos marcados para os vindeiros catro anos.

Dende a Comisión Xestora queremos agradecer a gran participación tanto de todos os asistentes á asemblea, aportando as súas ideas e as súas decisións nas diferentes votacións, como a todas as persoas inscritas no censo ás que non lles foi posible finalmente acudir por diversas circunstancias.

Queremos expresar tamén todo o noso apoio á nova Xunta de Goberno do Colexio, encabezada pola Presidenta Leticia Diz Bengochea, e solicitar toda a colaboración dos membros do novo Colexio para afrontar os difíciles retos que se presentan para esta nova andaina.

Noraboa a todos.

Censo definitivo para a asemblea constituínte

14 Diciembre 2007

Faise pública a listaxe definitiva coas inscricións recibidas para participar na asemblea constituínte do Colexio.

Censo definitivo

As persoas que non estean incluídas neste censo e queiran participar na asemblea, deberán acudir ás 17:00, hora establecida para a inscrición dos asistentes non incluídos no censo, aportando a seguinte documentación:

  • Orixinal e copia (ou copia compulsada) do titulo ou do xustificante de pago do mesmo.
  • Copia do DNI.
  • Formulario de inscrición cuberto.

Acto público de presentación do CPETIG e CPEIG

13 Diciembre 2007

Xa está pechado o programa de intervencións do acto público de presentación do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, que terá lugar o sábado 15 de decembro ás 13:00 no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.

O acto consistirá nunha rolda coas seguintes intervencións:

  • Dna. Rosa Fernández Somoza – Concelleira Delegada de Reforma Administrativa do Concello de Santiago de Compostela, cidade anfitriona dos Colexios.
  • Dna. María Helena Veiguela Martinez – Directora Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Consellería de Innovación e Industria, Xunta de Galicia.
  • D. Alberto Valderruten Vidal – Decano da Facultade de Informática de A Coruña (Universidade de A Coruña)
  • D. Alberto Bugarín Diz – Subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Universidade de Santiago de Compostela)
  • D. Enrique Barreiro Alonso – Director da Escola Superior de Enxeñaría en Informática de Ourense (Universidade de Vigo).

A continuación ofrecerase un refrixerio para os asistentes.

Mesa redonda sobre os colexios en Santiago de Compostela

6 Diciembre 2007

O vindeiro martes 11 de decembro ás 18:30 terá lugar no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Rúa Lope Gómez de Marzoa - Campus Universitario Sur – Santiago de Compostela), unha mesa redonda sobre os recén creados Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e Colexio Oficial de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Nesta mesa participarán o vicepresidente da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG), Antonio de Andrés Lema, o secretario da Asociación, Juan Otero Pombo, Javier Rodeiro Iglesias como primeiro presidente da Asociación, e os candidatos á presidencia dos colexios, Fernando Suárez Lorenzo, María José Durán Domínguez, e Leticia Diz Bengochea.

Completamos deste xeito unha rolda de mesas nas distintas Universidades galegas e, posto que os titulados galegos aínda poden censarse para nas asembleas constituíntes, trátase dunha oportunidade ideal para dar resposta a todas as dúbidas sobre os colexios profesionais e o futuro da profesión.

Información sobre a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, con datos de contacto e mapa google: http://www.usc.es/~etse/

Lista de inscricións incluídas no censo para a asemblea constituínte

1 Diciembre 2007

Faise pública a lista de novas inscricións recibidas e incorporadas ao censo definitivo publicado o 11 de outubro para a asemblea constituínte do CPETIG:

Listaxe de novas inscricións incorporadas ao censo

Mesa redonda sobre os colexios en Ourense

28 Noviembre 2007

O xoves 29 de novembro ás 18:30 terá lugar no Salón de Actos do Edificio Politécnico do Campus de Ourense unha mesa redonda sobre os recén creados Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e o Colexio Oficial de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Nesta mesa redonda participarán o secretario da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia, Juan Otero Pombo, Javier Rodeiro Iglesias como primeiro presidente da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia e os candidatos á presidencia dos colexios, Fernando Suárez Lorenzo, María José Durán Domínguez e Leticia Diz Bengochea.

Como os titulados galegos aínda poden colexiarse e participar nas asembleas constituíntes o escenario é ideal para que poidan resolverse todas as dúbidas que poideran xurdir sobre os colexios profesionais e o futuro da profesión.

Cartel da mesa redonda

Conferencia sobre a creación dos Colexios Profesionais de Enxeñeiros (CPEIG) e Enxeñeiros Técnicos (CPETIG) en Informática de Galicia

21 Noviembre 2007

Este mércores 21 de novembro ás 17:30h no salón de Actos da Facultade de Informática terá lugar a conferencia sobre a creación do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG) e Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos Informáticos de Galicia (CPETIG).

Cartel da conferencia

Convocatoria da asemblea constituínte do CPETIG

16 Noviembre 2007

Convócase para o vindeiro venres 14 de decembro de 2007 a Asemblea de constitución do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, no seguinte horario:

- 17:00: Recepción de asistentes e inscrición daquelas persoas non incluídas no censo.
- 17:30: Primeira convocatoria.
- 18:00: Segunda convocatoria.

A orde do día da asemblea é a seguinte:

1. Informe do Presidente da Comisión Xestora.
2. Ratificación da Comisión Xestora, das súas actuacións e do informe de gastos, se procede.
3. Presentación da proposta de Estatutos do Colexio Profesional e das emendas presentadas ao mesmo. Debate e votación.
4. Presentación de candidaturas e elección dos cargos da Xunta de Goberno.

Dado que foi presentada unha única candidatura á xunta de goberno do Colexio, segundo establecen os estatutos provisionais non se realizará votación para a elección da mesma, e os membros desta candidatura serán proclamados electos.

O sábado 15 de decembro celebrarase ás 13:00 un acto oficial de presentación do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica de Galicia.