FAQs

Nesta sección recollemos unha serie de preguntas recibidas no buzón da comisión xestora sobre a inscrición e o proceso para a creación do Colexio:

¿Cal é o estado actual do proceso de constitución do Colexio?
Actualmentexa foi publicada a lei de creación do Colexio, pero este aínda non está constituído como tal. Como se especifica na lei de creación, constituiuse unha comisión xestora, que ten a misión a de convocar a asemblea constituínte e redactar os estatutos que rexirán o funcionamento do mesmo. Para comezar, a comisión elaborou uns estatutos provisionais para definir como é o proceso da asemblea constituínte, como se inscribe alguén para participar nela, como se presentan as candidaturas, como se votará, etc.

Posteriormente, foi publicada a proposta para os estatutos definitivos que rexirán o funcionamento básico do Colexio, obxectivos, dereitos e obrigas dos asociados, etc.

Previsiblemente, a asemblea constituinte celebrarase a finais deste ano, e a partir de aí o Colexio estará constituído como tal e contará con unha xunta xeral formada por todos os colexiados e que será a soberana que aprobará as accións do mesmo e unha xunta de goberno que determinará as principais obxectivos a realizar.

¿Por que é necesario inscribirse para participar na asemblea constituínte do Colexio?
O feito de que se elabore un censo con anterioridade á asemblea é debido a que na comisión xestora non consideramos viable comprobar na asemblea constituínte que cada persoa ven co seu título e/ou fotocopia compulsada e o resto da documentación correctamente cumprimentada, resolver posibles reclamacións, etc. Por iso estimamos máis conveniente facer un prazo previo para que a xente se inscriba no censo, presentando a documentación necesaria, e tamén un prazo de reclamacións ante posibles denegacións por falta de documentación, e a resolución destas reclamacións. Desta forma, podemos tamén saber o número de asistentes para organizar a asemblea constituínte do Colexio. A pesar disto, e para facilitar a máxima participación posible na constitución do Colexio, a Comisión Xestora decidiu ampliar o prazo de inscrición ata o mesmo día da asemblea, podendo inscribirse nese momento aqueles persoas que acrediten toda a documentación necesaria. Aínda así, agredeceriamos que, para facilitar a organización da asemblea, todas as persoas que queiran participar na asemblea se inscribisen con anterioridade.

O formulario de inscrición publicado na web da serve para inscribirse no censo no que constan todas as persoas que poderán participar e/ou votar na asemblea constituínte do Colexio.

¿Por que se inclúe o número de conta bancaria no formulario de inscrición?
O formulario de inscrición no censo ten dúas partes: en primeiro lugar se solicitan os datos e a documentación necesarios para inscribirse no censo, e a continuación se ofrece a posibilidade de colexiarse automaticamente cando o Colexio quede constituído na asemblea. Este segunda parte é opcional, xa que tamén é posible participar na asemblea e logo non asociarse no Colexio, e asociarse posteriormente cando se queira.

Só no caso de querer incorporarse automaticamente no Colexio na súa constitución, solicítase o número de conta, que será necesario para cargar as cuotas que se establezan para @s colexiad@s.

¿Cal é a cuota que haberá que pagar por estar colexiado?
A cuota que se pagará por estar colexiado será fixada pola xunta xeral do colexio, formada por tod@s @s colexiad@s, a proposta da xunta de goberno. Polo tanto, aínda que é evidente que terá que haber unha cuota mínima para que o Colexio poida funcionar, serán os propios colexiados os que decidan que cuota van a pagar a proposta da xunta de goberno elixida tamén por eles mesmos.

¿Cal é a web oficial e o enderezo de contacto do Colexio?
De momento, a única web oficial do Colexio é a da comisión xestora, no enderezo http://www.aeig.org/cpeig.
O enderezo provisional é o seguinte:
Centro de Negocios La Rosa 22
C/ La Rosa 22, 3º Izquierda
15701, Santiago de Compostela

¿Cales serán os dereitos e deberes dos asociados?
Os dereitos e deberes básicos dos colexiados están definidos nos estatutos do colexio.

¿Que fago se non podo asistir á asemblea constituínte?
O artigo 13 dos estatutos provisionais do Colexio recolle que é posible votar por correo certificado á xunta de goberno do colexio, e tamén se pode mandar por correo o formulario de inscrición no censo e a documentación necesaria para inscribirse, polo que non hai ningún problema para participar no censo e nas eleccións aínda que non se poida asistir á asemblea.

¿Como podo participar no Colexio?
Hai moitas cousas por facer e o tempo que se lle pode adicar sempre é escaso, por iso toda a participación sempre será ben recibida. Hai varias formas de colaborar no Colexio:

  • Asociándose: Canto maior sexa o número de colexiad@s, máis plural será o Colexio e máis representativo da nosa profesión. Colexiándote farás que o Colexio teña máis forza, ademais de poder dar a túa opinión sobre as distintas actuacións que leve a cabo.
  • Presentando unha candidatura á xunta de goberno: A xunta de goberno é a que executa realmente as accións do colexio, e canto maior sexa o número de grupos de persoas candidatos a realizar esta función, mellor. Tan só é necesario formar un grupo con ganas de traballar para levar a cabo uns obxectivos concretos en beneficio da profesión, ou sexa que mans á obra!!
  • Formando parte dunha comisión: O Colexio contará seguramente con comisións de traballo para abarcar os distintos ámbitos nos que este traballará. Calquera colexiado poderá colaborar e participar nestas comisións.